Quen somos ?
Fundación para a Orientación Profesional, a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, o Emprego e a Formación en Galiza.
A Fundación para a Orientación Profesional, a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, o Emprego e a Formación en Galiza (forGA) foi promovida por iniciativa da Confederación Intersindical Galega (CIG); organización coa que, hoxendía, colabora en diversos ámbitos: a formación, o emprego, a orientación, a investigación, etc.
A súa constitución tivo lugar en Vigo, o 4 de xulho de 1996, publicándose no Diario Oficial de Galiza do 14 de outubro de 1996. Posteriormente, a organización fundacional foi reconhecida e declarada de interese galego, por Orde do 27 de novembro de 1996, publicada no Diario Oficial de Galiza do 16 de decembro, da Conselharía de Familia, Mulher e Xuventude da Xunta de Galiza.
Anualmente, prográmanse e organízanse múltiplas accións formativas, a través de diversos planos e proxectos de formación, cooperación e investigación, co fin de ofertar e desenvolver uns servizos de cualidade, axeitados ás necesidades actuais e futuras do mercado laboral galego. No capítulo de instalacións, a FORGA dispón dumha importante rede de Centros homologados de formación en toda Galiza. Tal rede está dotada e situada inmelhorabelmente para abordar os novos desafíos da formación profesional para o emprego en Galiza.
A equipa humana e profesional da fundación, mais 60 persoas entre persoal docente, de administración e xestión, ten adquirido umha ampla experiencia e capacidade de trabalho; adaptándose, darreo, ás diversas mudanzas normativas e lexislativas implementadas e impostas, neste sector, polas distintas administracións.
A entidade mantén umha dupla estrutura operativa: nacional e territorial. A estrutura nacional divídese en tres grandes áreas de trabalho: Proxectos e Coordinación Pedagóxica, Asuntos Económicos e Planificación e Programación da Execución. A estrutura territorial, pola súa banda, desdóbrase en tres Delegacións: Norte (A Corunha e Ferrolterra), Sul (Vigo, Pontevedra e Ourense) e Centro (Compostela).
A dirección da fundación é exercida por un Padroado, composto por oito persoas, un/ha Apoderado/a xeral, designado polo proprio Padroado e umha equipa de dirección, integrada por tres trabalhadores/as da fundación.